Sunday 28 de April de 2024

O concello presenta á Xunta de Galicia un novo proxecto de obradoiro dual de emprego


Realizarían a reforma dos centros socioculturais de Erboedo e de Cumiáns e actuacións no paseo fluvial do Anllóns, a carballeira de San Fins, o campo de fútbol de Vista Alegre e o Castro de Montes Claros.

Na procura de continuar desenvolvendo políticas activas de emprego e ofrecer á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados, o Concello vén de presentar á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia un novo proxecto de obradoiro dual de formación e emprego, que sería o oitavo que se organizaría na Laracha.

Este novo obradoiro, que para poder levarse a cabo dependerá da concesión da subvención solicitada, tería unha duración de doce meses e constaría de dúas especialidades: a de traballos en carpintería e moble e a de operacións básicas de revestimento lixeiro e técnicas de construción complementado con mantemento e rehabilitación de edificios.
Os proxectos que se encomendarían ao persoal do obradoiro de emprego durante a fase práctica de formación serían a reforma interior dos centros socioculturais de Erboedo -incluíndo a adaptación dos accesos- e de Cumiáns (parroquia de Montemaior), actuacións de mellora no paseo fluvial do Anllóns, o peche perimetral, con postes e travesas de madeira do Castro de Montes Claros, a renovación do mobiliario do espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre (Soandres) e a creación do que se instalará na carballeira de San Fins.

O orzamento do proxecto supera os 750.000 euros. A proposta do Concello é que cada unha das dúas especialidades conte con dez alumnos-traballadores, vinte persoas que quedaría vinculadas ao Concello cun contrato de formación. Ademais de acceder a unha remuneración económica durante os doce meses e de realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirían o certificado de profesionalidade que acreditaría a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.